3 de xullo de 2010

Bestiario

Sempre me gustaron os bestiarios. Quizais porque, en todas as épocas, nos devolven a imaxe – a miúdo deformada – dos tempos. Hoxe, nos matemáticos, xa podemos percibir a imaxe – posiblemente deformada – das matemáticas do século XXI.

Hai uns meses, cando preparaba outro billete, atopei por sorte o sitio Visualizar’09: Datos Públicos, Datos en público. Un enlace chamou pronto a miña atención: Bestiario.

Trátase dun novo bestiario con algunas fermosas bestas. Hoxe gustaríame falar dunha desas bestas, chamada «flow», o fluxo dos artigos da Wikipedia usados polos responsables do sitio. Son empresarios, economistas, artistas, arquitectos, enxeñeiros, mesmo matemáticos, unidos nunha compañía que quere «facer comprensible a complexidade».


Alguén poderá dicir que este fluxo ten menos interese có das publicacións serias, onde as matemáticas adoitan xogar un papel menor [1]. Pero na miña opinión, o que fai interesante esta imaxe é xustamente que un pode ver o gusto polas matemáticas e pola xeometría de xentes que non son matemáticos ou científicos. E tamén pódese entrever que as ciencias da vida, nun sentido amplo, xa substituíron ás ciencias da materia como motor das novas matemáticas.


Tradución do billete «Bestiaire»
no sitio Images des Mathématiques


[1] Velaquí o fluxo temporal da influencia das máis importantes publicacións científicas, onde as matemáticas forman parte da pequena banda azul. Cada revista represéntase mediante unha curva de ancho proporcional á súa importancia, que se mide cunha cantidade chamada Eigenfactor. Estas curvas forman agregados, ligados polas citas mutuas, similares a árbores con pólas e raíces temáticas de diferentes cores. Sospeito que unha comparación da vida media dos artigos obrigaría a esmoucar unhas cantas pólas rosas e verdes.



Na seguinte figura, as revistas represéntanse mediante rectángulos encaixados nunha porción rectangular do plano. A área de cada rectángulo é proporcional á importancia da revista, medida polo seu Eigenfactor™. Esta representación coñécese polo seu nome en inglés «treemap». Cando pinchamos nunha revista, vemos aparecer o seu fluxo de citas (coma o da revista Annals of Mathematics) onde as frechas brancas representan as citas entrantes, as negras as citas saíntes e a lonxitude das frechas dá a medida do número de citas.

  
Para comprender mellor as dificultades que conleva a pretensión de querer medir e comparar a actividade científica, aconsello a lectura do informe Citations Statistics de Robert Adler, John Ewing e Peter Taylor e os artigos de Fabrice Planchon e Jean-Marc Schlenker neste sitio [Images des Mathématiques].