O 22 de xaneiro de 2008 publicaba un pequeno artigo de homenaxe a dous creadores fascinados pola verdadeira beleza das matemáticas. Sirva hoxe de homenaxe renovado a Isaac Díaz Pardo e Rafael Dieste.
No
verán de 1958, Rafael Dieste leva tempo «metido
en gran navegación», asumida como «un
deber con todo sello de la fatalidad, o una fatalidad digna de confianza, con
toda la transparencia moral de esos deberes no codificados, venidos
imperiosamente de allá dentro». A finais de 1956, publicara o Nuevo Tratado del Paralelismo na
editorial Atlántida de Bos Aires, pero a fin da súa navegación aínda ficaba
lonxe. Nos últimos días de xullo e nos primeiros de agosto, vanse cruzar no
medio do océano as cartas que lle escribe ao seu amigo Isaac Díaz Pardo e as
respostas deste. Nelas discuten a solución dalgúns problemas xeométricos. Velaí
o deber «misterioso», de orixe «novelesca», que vai ocupar unha parte
importante da vida do escritor ata a súa morte en 1981. Son escritos dun estilo
alegre, cheos de humor e ambición, dun raro gusto pola matemática. Na primeira
das cartas conservadas por Isaac, datada o día 31 de xullo, Dieste explica os
argumentos precisos dunha proba proposta polo seu amigo. Lembra Isaac que o
problema consistía en atopar o camiño máis curto para que o pastor A levara
auga do río BD ao curro C. A solución de Isaac usa a semellanza dos triángulos
AEB y CDE e dos triángulos BCD y BEF.
A de Dieste, máis elegante, a reflexión respecto da recta BD. Na segunda das cartas, datada o día 8 de agosto,
Dieste divírtese convertendo ao pastor nun testamenteiro que debe trazar
triángulos da mesma extensión ao longo do río. Ao ler estas cartas comprendín
que Isaac non constrúe pratos, senón círculos, coas súas fascinantes máquinas,
hoxe en mans de «iñorantes
e féridos e duros, imbéciles e escuros».