26 de decembro de 2013

A harmonía e o caos

La pensée n'est qu'un éclair au milieu d'une longue nuit.
Mais c'est cet éclair qui est tout.
Henri Poincaré, La valeur de la Science

Henri Poincaré representa o pensamento maduro, prudente, dotado dunha intuición portentosa, fronte a unha imaxen da ciencia a medio camiño entre blitzkrieg e operette, viral ads e nerd nites. A súa obra marcou profundamente a física e a matemática do século XX e seguirá a facelo nos séculos vindeiros.

Hai pouco Alberto Verjovsky comentaba o moi distinto carácter de tres alumnos de Morris W. Hirsch. Ao oílo, tiven claro que, aínda que separados por un século, ese tímido alumno de aspecto lento e con grosos lentes era o verdadeiro herdeiro científico e moral de Henri Poincaré. O seu nome é William P. Thurston. Dixen «o verdadeiro herdeiro», deixándome levar por algúns lazos entre os dous, como a profunda intuición ou a vasteza da obra, que van máis aló do problema –hoxe teorema– que ligará os seus nomes por sempre. Pero a herdanza de Poincaré segue viva.

Un vello amigo dicíame non hai moito que só lle apetece reler e repensar os vellos traballos de Poincaré, unha sorte para os que –por desgracia, só de vez en cando– podemos desfrutalo. Poincaré é tamén o heroe de Alberto –ou debería dicir Escher, Douady, Riemann–. Por fortuna, nesta ocasión, non é unha voz, senón unha presenza clave no film Henri Poincaré, l’harmonie et le chaos, dirixido por Philippe Worms e producido por Vie Des Hauts Production, France Télévisions e CNRS Images, que reuniu a Nicolas Bergeron, Thierry Dauxois, Étienne Ghys, Tadashi Tokieda, Alberto Verjovsky e Cédric Villani para evocar a figura de Poincaré e a súa influencia no pensamento científico actual. Pero o que este documental ambiciona en realidade –e é esa a mellor homenaxe a Henri Poincaré– é ese «faire la part de l’harmonie et du chaos» que propón Étienne Ghys nunha secuencia. Dicía Poincaré que «a harmonía expresada polas leis matemáticas é a única realidade obxectiva, a única verdade que podemos alcanzar; […] a harmonía universal do mundo é a fonte de toda beleza». Pero pensemos que a harmonía perfecta –contemplen o mosaico de Kepler ou a árbore de Kenyon da cabeceira– é a miúdo o froito improbable do caos. 

Espero que os produtores se decidan a ofrecérmonos unha versión subtitulada en español ou inglés, pero valla como mostra unha pasaxe espléndida onde Étienne Ghys e Alberto Verjovsky nos explican a xeometría das árbores. Para os que desexen comprender mellor ese equilibrio entre harmonía e caos que nos deixa albiscar Étienne Ghys, nada mellor que contemplar o seu film Chaos.


Grazas a Dominique Garing (Vie de Hauts Production) por autorizar o subtitulado e a reprodución da pasaxe do documental Henri Poincaré, l’harmonie et le chaos e a Pablo González Sequeiros pola súa lectura.


Tout ce qui n’est pas pensée est le pur néant, puisque nous ne pouvons penser que la pensée et que tous les mots dont nous disposons pour parler des choses ne peuvent exprimer que des pensées ; dire qu’il y a autre chose que la pensée, c’est donc une affirmation qui ne peut avoir de sens.

Et cependant — étrange contradiction pour ceux qui croient au temps — l’histoire géologique nous montre que la vie n’est qu’un court épisode entre deux éternités de mort, et que, dans cet épisode même, la pensée consciente n’a duré et ne durera qu’un moment. La pensée n’est qu’un éclair au milieu d’une longue nuit.

Mais c’est cet éclair qui est tout.
Henri Poincaré, La valeur de la science, Flammarion, 1905.

Todo o que non é pensamento é pura nada, pois non podemos pensar máis que no pensamento e todas as palabras das que dispoñemos para falar das cousas non poden senón expresar pensamentos; dicir que hai outra cousa que o pensamento é unha afirmación sen sentido.


E así e todo —curiosa contradición para os que cren no tempo— a historia xeolóxica móstranos que a vida non e máis que un curto episodio entre dúas eternidades de morte e que, nese mesmo episodio, o pensamento consciente non durou e non durará máis que un anaco. O pensamento non é máis que un lóstrego no medio dunha longa noite.

Pero ese lóstrego éo todo.


Henri Poincaré, La valeur de la science, Flammarion, 1905.